O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia),  Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais)  e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.

O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.