Francisco Diaz-Fierros Viqueira

Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Vilagarcía de Arousa, 1941) é un científico e escritor galego.No ano 1964 licenciouse en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, doutorándose na mesma universidade en 1967. Durante estes anos desenvolve un interesante labor periodístico, publicando artigos en diversos periódicos e revistas de Santiago, como La Noche, El Correo Gallego e Quintana.Desde 1987 é catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago.

O seu labor científico céntrase, basicamente, no estudo dos solos e da climatoloxía agrícola de Galicia, sendo autor ou coautor de case 300 traballos en diferentes liñas: os factores de formación dos solos, as propiedades físicas de solos de zonas húmidas, a avaliación e cartografía dos solos de Galicia e zonas húmidas, a erosión, os procesos de degradación de superficies queimadas e a súa recuperación, ou a paleoecoloxía, que foron publicados en diferentes e relevantes revistas científicas.

Foi presidente da Sociedade Galega de Historia Natural entre 1975 e 1980, sendo ademais director da súa revista Braña (hoxe desaparecida), e tamén ocupou o cargo de presidente da Sección I (Física do Solo) da Sociedad Española de Ciencia del Suelo entre 1988 e 1996. É presidente da xunta reitora do Seminario de Estudos Galegos e, desde 1980, membro do Consello da Cultura Galega, primeiro como coordinador da Sección de Patrimonio Natural (1983 -1998), a partir de 1999 coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e, desde xullo de 2002, vicepresidente primeiro desta institución. Desde o ano 1999 ocupa o cargo de director da Colección Historia Natural do Proxecto Galicia, de Hércules de Edicións.

Texto: Galipedia