Bases dos Premios da Crítica de Galicia 2023

As bases dos Premios da Crítica Galicia. Edición 2023

PRIMEIRA. Os Premios da Crítica de Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

SEGUNDA. Os Premios da Crítica de Galicia abranguen oito modalidades:

CREACIÓN LITERARIA. Considéranse premiables todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio e textos dramáticos, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

INVESTIGACIÓN. Considéranse premiables todas aquelas obras que, resultado dunha investigación contrastada e rigorosa, fosen editadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 ou desenvolvementos/fitos tecnolóxicos presentados no mesmo período. O xurado valorará de forma prioritaria traballos publicados en lingua galega, o que non se considera excluínte se o obxecto da investigación fose de alta repercusión para Galicia.

 MÚSICA. Considéranse premiables todos aqueles traballos de composición, interpretación, compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Considéranse tamén premiables as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período. Outrosí, poderán recoñecerse todas aquelas iniciativas que ao longo do ano contribuísen de xeito relevante á promoción da música na sociedade galega. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra de Galicia un fito destacado na música durante o ano 2021.

INICIATIVAS CULTURAIS E CIENTÍFICAS. Considéranse premiables todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, empresas, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura e da ciencia galegas e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2022.

ARTES PLÁSTICAS. Considéranse premiables todos aqueles traballos de pintura, escultura, ilustración, fotografía, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra Galicia un fito destacado no eido das artes plásticas e visuais durante o ano 2022.

ARTES ESCÉNICAS. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia e circo, estreados de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas artistas do eido das artes escénicas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2022.

CINE E ARTES AUDIOVISUAIS. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de cine, vídeo, televisión, videocreación e outras expresións das artes audiovisuais, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas artistas do eido do cine e artes  audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2022.

CULTURA GASTRONÓMICA. Considéranse premiables nesta modalidade todas aquelas iniciativas de cultura gastronómica desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Así mesmo, considéranse premiables todas aquelas persoas e entidades do eido da cultura gastronómica que, contando cunha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2022.

TERCEIRA. O xurado de cada unha das modalidades terá competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas participantes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.

CUARTA. As persoas que formen parte de cada un dos xurados serán designadas pola asociación PREMIOS DA CRÍTICA DE GALICIA entre aquelas recoñecidamente solventes en cada un dos eidos aos que atinxe cada unha das modalidades. Os membros do xurado non poderán ter relacións de autoría ningunha coas candidaturas participantes na súa modalidade, comprometéndose a aceptar as presentes bases.

QUINTA. O xurado de cada modalidade compoñerase de sete persoas con voz e voto, entre as que se incluirá unha secretaría vinculada á asociación PREMIOS DA CRÍTICA DE GALICIA. A secretaría fará circular a información que se fose solicitando entre as candidaturas presentadas, convocará as reunións do xurado (sexan presenciais ou virtuais) e levantará acta dos acordos adoptados en cada unha delas.

SEXTA. O premio será único e indivisible en cada unha das modalidades, podendo quedar deserto, se así o considera o xurado. As decisións finais de cada un dos xurados, que serán inapelables e adoptadas por maioría de votos, tomaranse se as condicións sanitarias o permiten nunha sesión de traballo presencial que se celebrará en Vigo o mesmo día do ditame.

SÉTIMA. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 30 de setembro de 2023. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

OITAVA. Os ditames de cada unha das modalidades daranse a coñecer no decurso dun acto que se celebrará en Vigo o sábado 28 de outubro de 2023.

Galicia, 27 de abril de 2023.

Descarga de bases en formato word.

Descarga de bases en formato pdf.

5 Trackbacks


  1. […] expresións da creación cultural. A esta altura estamos ultimando a composición dos xurados dos Premios 2012, que se fallarán o 20 de outubro. Até entón celebraranse diversas mesas redondas en cada unha […]

  2. […] ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no […]

  3. […] BASES […]

  4. […] Hotel Os Escudos acollerá a entrega da edición número 36 dos Premios da Crítica Galicia, no tanscurso dun […]

  5. […] sábado 7 de novembro de 2015 celebrarase a cerimonia de anuncio do ditame da XXXVIIIª edición dos Premios da Crítica Galicia que, a partir das 14:00 horas, terá lugar no decurso dun xantar no Hotel Os Escudos, avenida […]