Novas

Convocados os Premios da Crítica de Galicia 2026

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerá a ILª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2026, que se ditaminarán en Vigo o sábado 17 de outubro de 2026, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Outorgados dende 1978 de forma ininterrumpida, os Premios da Crítica Galiciaveñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia –unha plataforma plural, independente e interxeracional– asumen como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

Nesta ILª edición abriguen dez modalidades: Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Dixital e Cultura Gastronómica.

Por último, coa intención de acoller a diversidade da nosa creación cultural, como establece a base sétima, «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das dez modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 4 de setembro de 2026».

Esta presentación de candidaturas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras realizarase, antes do 4 de setembro de 2025, dirixindo un correo electrónico a: premiosdacriticagalicia@gmail.com

Descarga as bases 2026 en formato word.

Descarga as bases 2026 en formato pdf.

 

Ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2025

O sábado 18 de outubro ás 12:00 horas no decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital.

Dende comezos do mes de outubro, as 70 persoas compoñentes dos dez xurados, que se unen ás mil cincocentas participantes ao longo de toda a súa historia de máis e catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Baixo o lema «A tradición é a alma eterna de Galiza» de Castelao, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde Vigo; José López Campos, conselleiro de Cultura; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Carmela Silva, tenente de alcaldía do concello de Vigo, ademais de diversas deputadas do Parlamento Galego e representacións do asociacionismo cultural e profesional.

Conducido por Roberto Pascual no transcurso do acto foi homenaxeado Luis Suárez Marconi, primeiro secretario dos Premios da Crítica de Galicia, ocupándose do apartado musical Leni Pérez & Roberto Comesaña.

«Contos Gringos» de Lara Dopazo, Premio de Creación Literaria 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado Cristina García, bibliotecaria da Biblioteca Pública Juan Compañel; Xosé Monteagudo, escritor; Chus Pato, poeta, membro da RAG, gañadora da edición 2024; Andrea Quintáns Rey, libreira de Libraida; Susana Sanches Arins, escritora e crítica; Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da AELG e Malores Villanueva, profesora, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Contos gringos (Galaxia) de Lara Dopazo; Poemas realistas(Apiario) de Daniel Salago e Runrun(Galaxia) de Ana Varela.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Contos gringos de Lara Dopazo.

Na súa xustificación, o xurado salientou o estilo e a intensidade das voces que se individualizan en cada relato para caracterizar os distintos personaxes. Con gran pulso narrativo, Lara Dopazo renova en Contos gringos a tradición relatista galega. A escolla dun vibrante manexo textual logra que calquera suceso cotiá poida converterse e extraordinario.

Unha investigación no eixo da enxeñaría civil e as tecnoloxías aplicadas do grupo da profesora Belén Riveiro do CINTECX da UVigo premio de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, formado por  Luís Castedo Ribas, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da UDC;  Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da UVigo; Minia Manteiga Outeiro, catedrática de Astronomía e Astrofísica da UDC;  María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas; Clara Ruíz Ponte, investigadora na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, gañadora da edición 2024; Elena Vázquez Cendón, catedrática de Matemática Aplicada da USC e María de los Ángeles Peña Gallego, profesora de Química Física da UVigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas:

Mascareñas, José Luis: Targeting cancer stem cell OXPHOS with tailored ruthenium complexes as a new anticancer strategy | Journal of Experimental & Clinical Cancer Research | Full Text

 Labandeira-Garcia, Jose Luis; Labandeira, Carmen M.; Guerra, Maria J. e Rodriguez-Perez, Ana I.: The role of the brain reninangiotensin system in Parkinson´s disease | Translational Neurodegeneration | Full Text

 Lamas, Daniel; Justo, Andrés; Soilán, Marío; Riveiro, Belén: Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models Science Direct

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models de Daniel Lamas, A. Justo, M. Soilán e Belén Riveiro.

O xurado salientou que este traballo do grupo da profesora da Universidade de Vigo Belén Riveiro constitúe unha contribución pioneira no ámbito da dixitalización e mantemento de construcións civís nomeadamente pontes. Isto ten unha implicación directa na seguridade, eficiencia e sostibilidade, reducindo a dependencia de inspeccións visuais e manuais. O resultado desta investigación ten unha especial implicación na nosa comunidade pola variabilidade da orografía galega.

“As peregrinacións a Compostela” de Xose Miguel Andrade Cernadas premio de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito da UDC; Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga, investigadora do Lab2PT da UMinho e membro da comisión de Patrimonio do CCG; Antón Costa Rico, catedrático de Historia Educación da USC; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía da UDC; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, gañador da edición 2024, vicesecretario da RAG; Lucía Oca González, profesora de Antropoloxía Social da USC e Ramón Nicolás Rodríguez, profesor, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: As peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades (Xerais) Xosé Miguel Andrade Cernadas; Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega (Galaxia) de Xavier Castro; Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground (Galaxia) Fernando Fernández Rego e Universo Cantigas. Edición crítica da poesía medieval galego-portuguesa(Universidade da Coruña) de Manuel Ferreiro e otros.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría aAs peregrinacións a Compostela: mito, historia e falsidades (Xerais) Xosé Miguel Andrade Cernadas. Recolleu o premio Xavier Castro.

O xurado salientou que se trata dun libro marcado polo rigor investigador e polo esforzo no seu papel divulgativo, que aborda o tema do fenómeno das peregrinacións, os seus tópicos e a súa materialización contemporánea no Xacobeo e que resulta operativa para analizar as políticas culturais que se aplican en Galicia arestora. Así como as súas repercusións en fenómenos como a fixación dos camiños de Santiago e a súa turistificación.

Programa Apego, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Marisa Barreiro, profesora, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA); Sergio Lago, xestor cultural, co-director do posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC; Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, director do teatro Rosalía de Castro; Anxos Sobriño Pérez, lingüista na administración de Xustiza e ex-presidenta da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua); Alejandro Tobar, tradutor, editor de Hugin e Munin; Manuel Vicente, comunicador de ciencia, director de Efervesciencia, gañador da edición 2024 e Ana González Liste, xornalista de Praza pública, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Programa Apego, Espazo Lectura e Código Cero.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio ao programa Apego.

O xurado salientou que o programa Apego é unha iniciativa que neste momento de emerxencia lingüística potencia a inmersión no idioma propio dos núcleos familiares, dotándoos de ferramentas e recursos para a mantenza e consolidación do proceso de transmisión do galego. Valórase especialmente a relación directa e persoal das e dos técnicos de Normalización Lingüística dos concellos implicados coas familias que apostan pola cultura do país. Grazas a que é un proxecto no que colaboran diferentes institucións públicas, de diversas cores políticas, tece rede. Por último, o xurado destaca que mediante a cooperación e optimización de recursos, Apego acada un efecto multiplicador.

“Cuarteto Quiroga”, premio de Música 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Javier Becerra, crítico de La Voz de Galicia; Javier Escobar, director orquestra, gañador da edición 2024; Xaime Estévez Vila, catedrático de música de ensino secundario, músico; Rosa María Fernández, crítica, membro da Real Academia de BB.AA; Isabel Gómez, profesora de linguaxe musical do conservatorio de Vigo; Xiana Lastra, profesora, cantora d’ A banda da loba e Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Cuarteto Quiroga, As fillas de Cassandra, IKFEM Festival Tui-Valença e Noia Harp Fest.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Cuarteto Quiroga. Recolleu o premio Xosé Carlos Sierra que leu un texto enviado por Cibrán Sierra, un dos membros do cuarteto de xira en Australia.

O xurado salientou que o Cuarteto Quiroga reivindica o nome de Manuel Quiroga, violinista pontevedrés do pasado século. Esta formación destaca pola súa calidade musical. O seu fundador o galego Cibrán Sierra, fai gala de galeguidade por todo o mundo, dada a proxección internacional do cuarteto.

”Chus Martínez”, premio de Artes Plásticas 2025

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por  Antonio Alonso Fernández, arquitecto; María Xesús Busto, encargada de exposicións do Auditorio de Galicia; Almudena Fernández Fariña, pintora gañadora da edición 2024; Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC e codirectora da Plataforma Festival de artes performativas Andrés Meixide, deseñador e ilustrador; Chus Villar, galerista de Galería Nordés e Xosé Manuel Soutullo, editor, director da editorial Galaxia, secretaría. en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ánxel Huete, Chus Martínez e Menchu Lamas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Chus Martínez. Recolleu o premio Diego Santomé, que leu un texto da artista enviado dende Basilea.

O xurado salientou o seu labor como comisaria da exposición “A Era das Fábulas, instalada no Museo de Pontevedra entre xullo e setembro de 2024, como unha proposta de museografía contemporánea e a articulación entre novas artistas galegas e outras de recoñecida traxectoria. Así mesmo, salientou o traballo de mediación realizado a través da mostra e valorou a súa traxectoria internacional e as achegas sobre a apertura dos espazos da arte á cidadanía e o apoio, nos últimos anos, á formación de artistas novas galegas.

As gardiás de Teatro de Ningures, premio de Artes Escénicas 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por  María Armesto, director da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC); Eduardo Cunha «Tatán», actor e director da caompañía de títeres Tanxarina, gañador da edición 2024; Daniel González Salgado, profesor, director ESAD; Sabela Hermida Mondelo, actriz e investigadora teatral; Francisco Oti, dramaturgo e investigador teatral; Dolores Vilavedra, crítica, catedrática de Literatura Galega da USC eBranca Roig Rechou, profesora “ad honorem” USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: As gardiás de Teatro de Ningures, Iribarne de ButacaZero e Helen Keller. A muller marabilla do grupo Chévere. 

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por  unanimidade o premio a As gardiásde Teatro de Ningures

O xurado salientou a dilatada traxectoria profesional de Teatro de Ningures, non só polos trinta espectáculos creados senón tamén por impulsar o teatro comunitario e pola súa vinculación coa formación artística. O espectáculo As gardiás, estreada en outubro 2024 cuestiona o sistema residencial e abre as portas a novos modelos de autoxestión vital propoñendo un necesario debate sobre os coidados na vellez.

“Manolo González”, premio de Cine e Artes Audiovisuais 2025

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por  Jaione Camborda, directora, gañadora da edición 2024; Xisela Franco, directora de cine, docente da UVigo; Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual; Tino Santiago, xornalista da TVG retirado; Jesús Silva Vilas, crítico e programador de cine; Fernanda Tabarés, xornalista, ex directora de VozTV e María López Sández, escritora, membro da RAG, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Chelo Loureiro, Manolo Álvarez González e Play-Doc International Film Festival

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Manolo González.

O xurado salientou a súa condición de figura clave sen a cal non é posible comprender o audiovisual galego na súa dimensión histórica e na súa eclosión actual. Baixo o seu impulso en 2004, Jose Gil recibiu o merecido recoñecemento en Vigo, resultado do esforzo de investigación histórica do patrimonio audiovisual galego por parte de Manolo González. Nese mesmo ano fixéronse dez anos da primeira edición de Chanfaina, iniciativa clave do impulso dos novos creadores, ponte entre figuras consagradas e emerxentes con fonda raigame no rural e implicación da sociedade local. Sentou as bases dun modelo moderno de axudas ao talento, á creación e á distribución que se erixiu como referente no conxunto do estado. Saliéntase o seu esforzo pedagóxico por introducir a cultura audiovisual na educación, desenvolvendo propostas de alfabetización audiovisual. Manolo González é unha figura incontestable que concita admiración e consenso.

“CIFP Carlos Oroza”, premio de Cultura Gastronómica 2025

O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado Enrique Barreiro Sánchez, concelleiro de Friol, gañador edición 2024; Guillermo Campos Piñón, crítico gastronómico, director e fundador da revista Hostelería galega, gastronomía e turismo; Mariña Fernández, sumiller de Abastos 2;Roberto Filgueira, chef O Balado; José Mouriño Cuba, ex-xefe de industrias e calidade alimentaria de Lugo; Rebeca Munín, xornalista, directora revista Pincha e Manuel Gago Mariño, xornalista, director de culturagalega.org, secretaría. en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Adega Aberta, IXP Viños Terras de Navia e CIFP Carlos Oroza.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade  o premio a CIFP Carlos Oroza.

O xurado salientou o papel referencial do CIFP Carlos Oroza como centro educativo de calidade en hostalaría. Amosa como os proxectos educativos precisan de equipos comprometidos, estables e con apostas que perduran no tempo. O centro destaca polo seu compromiso social, participando en numerosas iniciativas, así como a vontade en recuperar o patrimonio cultural e gastronómico no tempo. Unha iniciativa modélica que pon en valor a educación como centro do futuro gastronómico de Galicia.

 

“Carballo Interplay”, premio de Cultura Dixital 2025

O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Dixital, formado por  Luz Castro Pena, informática, directora de Imaxin software; Chiu Longina, antropólogo, director de Pumpún dixital; Tamara Nóvoa, xornalista, directora d’ A Movida; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes; Carme Prol, xornalista, directora de Café Derby 21, gañadora edición 2024; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital e Ledicia Costas, escritora, secretaría. secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Festival Carballo Interplay, O Novo Normal e Prado Rúa.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade a Carballo Interplay. Recolleu o premio a directora do festival Andrea Vila.

O xurado salientou que o Carballo Interplay é unha iniciativa pioneira no estado que logrou consolidarse e manterse sen presentar signos de fatiga. É un auténtico viveiro para a creación dixital galega e en galego, conformando en Galicia un ecosistema rico, diverso e profesional. Dentro dun sector masculinizado é un proxecto dirixido por mulleres que fomenta a diversidade e a inclusión, converténdose nun referente global da cultura dixital.

Esta XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación, Sargadelos, Coren, Terras Gaudas e Joaquín Rebolledo.

Xurados dos Premios da Crítica de Galicia 2025

A xunta directiva da Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou que o ditame da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025 se celebrará o sábado 18 de outubro a partir das 12:15 horas  no centro social Afundacion de Vigo. Así mesmo nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das dez modalidades

CREACIÓN LITERARIA

Cristina García, bibliotecaria da Biblioteca Pública Juan Compañel; Xosé Monteagudo, escritor; Chus Pato, poeta, membro da RAG, gañadora da edición 2024; Andrea Quintáns Rey, libreira de Libraida; Susana Sanches Arins, escritora e crítica; Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da AELG e Malores Villanueva, profesora, secretaría.

INVESTIGACIÓN EN CIENCIAS E TECNOLOXÍA

Luís Castedo Ribas, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da UDC;  Herminia Domínguez González, catedrática de Enxeñaría Química da UVigo; Minia Manteiga Outeiro, catedrática de Astronomía e Astrofísica da UDC;  María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación do CSIC do Instituto de Investigacións Mariñas; Clara Ruíz Ponte, investigadora na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, gañadora da edición 2024; Elena Vázquez Cendón, catedrática de Matemática Aplicada da USC e María de los Ángeles Pena Gallego, profesora de Química Física da UVigo, secretaría.

INVESTIGACIÓN EN CIENCIAS SOCIAIS E HUMANIDADES

Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito da UDC; Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga, investigadora do Lab2PT da UMinho e membro da comisión de Patrimonio do CCG; Antón Costa Rico, catedrático de Historia Educación da USC; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía da UDC; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, gañador da edición 2024, vicesecretario da RAG; Lucía Oca González, profesora de Antropoloxía Social da USC e Ramón Nicolás Rodríguez, profesor, secretaría.

INICIATIVAS CULTURAIS E CIENTÍFICAS

Marisa Barreiro, profesora, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA); Sergio Lago,xestor cultural, coordinador do CEU en Xestión e Innovación; Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, director do teatro Rosalía de Castro; Anxos Sobriño Pérez, técnica superior de Xustiza, ex presidenta CTNLG; Alejandro Tobar, tradutor, editor de Hugin e Munin; Manuel Vicente, xornalista , director de Efervesciencia, gañador da edición 2024 e Ana González Liste, xornalista de Praza pública, secretaría.

MÚSICA

Javier Becerra, crítico de La Voz de Galicia; Javier Escobar, director orquestra, gañador da edición 2024; Xaime Estévez Vila, catedrático de música de ensino secundario, músico; Rosa María Fernández, crítica, membro da Real Academia de BB.AA; Isabel Gómez, profesora de linguaxe musical do conservatorio de Vigo; Xiana Lastra, profesora, cantora d’ A banda da loba e Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, secretaría.

 ARTES PLÁSTICAS

Antonio Alonso Fernández, arquitecto; María Xesús Busto, encargada de exposicións do Auditorio de Galicia; Almudena Fernández Fariña, pintora gañadora da edición 2024; Mónica Maneiro, directora artística da Fundación DIDAC e codirectora da Plataforma Festival de artes performativas, Andrés Meixide, deseñador e ilustrador; Chus Villar, galerista de Galería Nordés e Xosé Manuel Soutullo, editor, director da editorial Galaxia, secretaría.

ARTES ESCÉNICAS

María Armesto, director da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC); Eduardo Cunha «Tatán», actor e director da caompañía de títeres Tanxarina, gañador da edición 2024; Daniel González Salgado, profesor, director ESAD; Sabela Hermida Mondelo, actriz e dramaturga; Francisco Oti, técnico en xestión cultural; Dolores Vilavedra, crítica, catedrática de Literatura Galega da USC e Branca Roig Rechou, catedrática, secretaría.

CINE E ARTES AUDIOVISUAIS

Jaione Camborda, directora, gañadora da edición 2024; Xisela Franco, directora de cine, docente da UVigo; Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual; Tino Santiago, xornalista da TVG retirado; Jesús Silva Vilas, crítico e programador de cine; Fernanda Tabarés, xornalista, ex directora de VozTV e María López Sández, escritora, membro da RAG, secretaría.

CULTURA GASTRONÓMICA

Enrique Barreiro Sánchez, concelleiro de Friol, gañador edición 2024; Guillermo Campos Piñón, crítico gastronómico, director e fundador da revista Hostelería galega, gastronomía e turismo; Mariña Fernández, sumiller de Abastos 2; Roberto Filgueira, chef O Balado; José Mouriño Cuba, ex-xefe de industrias e calidade alimentaria de Lugo; Rebeca Munín, xornalista, directora revista Pincha e Manuel Gago Mariño, xornalista, director de culturagalega.org, secretaría.

CULTURA DIXITAL

Luz Castro Pena, informática, directora de Imaxin software; Chiu Longina, antropólogo, director de Pumpún dixital; Tamara Nóvoa, xornalista, directora d’ A Movida; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes; Carme Prol, xornalista, directora de Café Derby 21, gañadora edición 2024; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital e Ledicia Costas, escritora, secretaría.

 

Convocada a XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025

A Asociación Premios da Crítica de Galicia acordou aprobar as bases pola que se rexerá a XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025, que se ditaminarán en Vigo o sábado 18 de outubro de 2025, ademais de nomear as secretarías de cada unha das modalidades.

Outorgados dende 1978 de forma ininterrumpida, os Premios da Crítica Galicia veñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia –unha plataforma plural, independente e interxeracional– asumen como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

Nesta XLVIIIª edición abriguen dez modalidades: Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Dixital e Cultura Gastronómica.

Por último, coa intención de acoller a diversidade da nosa creación cultural, como establece a base sétima, «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das dez modalidades poderán ser presentadas polas súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 5 de setembro de 2025».

Esta presentación de candidaturas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras realizarase, antes do 5 de setembro de 2025, dirixindo un correo electrónico a: premiosdacriticagalicia@gmail.com

Descarga as bases 2025 en formato word.

Descarga as bases 2025 en formato pdf.

 

Laudatio e soneto para Antón Pulido por Modesto Hermida

Excelentísimas e iIustrísimas autoridades, amigas e amigos, miñas donas, meus señores: A Asociación dos Premios da Crítica- Galicia acordou, moi acertadamente, homenaxear ó compañeiro Antón Pulido, socio e directivo unha manchea de anos, no marco deste acto e festa do ano 2024  onde se fallaron e entregaron os premios correspondentes ás diversas obras e iniciativas do ano 2023. E tomamos esta decisión porque, aínda que semelle mentira mirándolle para a cara e para a axilidade dese seu volumen corporal tan farturento, o Toñito de Bóveda, como lle chamaba o señor de Trasalba cando o Toñito xa despuntaba con case todas as virtudes que lle foron medrando… medrando, xa leva oitenta anos de vida, oitenta outonos fartos e dourados, de novo palabras de Don Ramón, unha vida que non demorou en ser vida de compromiso, de talento artístico, de sabiduría plural ó servizo da sociedade, ó servizo, de maneira moi especial, dos amigos e das amigas, que é característica que leva a gala e que non hai posibilidade, en xustiza, de lle podermos negar, porque cando Pulido chegou ás súas primeiras primaveras, case dende os primeiros biberóns, encolgou no seu haber toda a xenerosidade e a vitalidade  que xorden naturais na estación das flores e dos rechouchios dos paxaros.

Pois ben, para esta ocasión, os compañeiros e compañeiras da nosa Asociación encomendáronme, en nome de todas e de todos, que tracexase unha presiña de palabras a modo de laudatio ou, en palabras menos arcaicas e xa máis nosas, de gavanza. Claro que para emitir discurso mínimamente exhaustivo sobre o home que agora nos ocupa ben compriría un congreso dunha semaniña, cando menos, e o tempo que se permite usar nesta ocasión, concesión ben racional, por certo, cando xa levamos disfrutado dunha farturenta diversidade de verbas, non poderá ser superior a uns escasos dez minutos.

De tal maneira, por aforrar, teremos que prescindir de amplas referencias familiares, limitándonos á mención da súa compañeira de vida, sempre valioso esteo, e dese trio de descendencia, fillas e fillo, que sufriron, coma o seu proxenitor, a infección do talento artístico, chámese música ese talento, chámese plástica ou chámese delicada restauración.

Dende estas primeiras consideracións ben poderiamos presentar a Antón Pulido como un eterno mozo, sensato e grande: grande de corpo, grande de intelixencia, grande de sensibilidade –especialmente sensibilidade estética–, grande en xenerosidade ó servizo da amizade, ese concepto idolatrado por Pulido porque, para el, por un amigo ou amiga paga a pena meterse en case calquera cerello.

E xa temos que acudir á ricaz personalidade do homenaxreado, unha personalidade que se vai conformando nun moi especial proceso de circunstancias existenciais, nas que nos demoraremos cun somero repaso polas máis significativas: De ben rapaciño, despois de emborranchar papeis con pretensións estéticas na escola de seu pai, actividade á que o animaba moito aquel seu Mestre e proxenitor, entrou no Seminario Diocesano de Ourense no obxectivo de cumplir cun desexo familiar, que era converterse en cura de almas, é decir, sacerdote. Malia que as aspiracións do noso amigo cada vez coincidían menos cos desexos familiares, no Seminario, onde fixo amigos, algún tan intimo e significativo como Bieito Ledo, Antón Pulido aprendeu e desempeñou a función de líder, aprendeu a xogar cun considerable nivel ó xadrez, alcanzou unha moi significativa formación musical, iniciu a súa intensa afección pola lectura poética, afección que se fixo irrenunciable, con poetas de preferencia como, entre otros e moi diversos, Valente, Vallejo, Gamoneda, Fonte, Arcadio…, e, ademáis de recibir unha profunda formación en linguas clásicas (grego e latín), que tantos recursos lle habían de propiciar andando o tempo, non deixaba de pintar, de debuxar, de aprender o manexo do oleo, de se formar autodidácticamente nos recursos e modalidades das artes plásticas. Pero o Seminario, moi a pique de se converter en misacantano, xa non estaba nos seus proxectos de vida.

Xa fóra do Seminario, ó tempo que exercía a docencia particular, sobre todo como bo coñecedor das linguas clásicas, diplomouse en pouco tempo na carreira de Maxisterio e para exercelo como Mestre Nacional aló se foi ó encontró das abas  de Pena Trevinca, en Casaio, onde se entregou con intensidade a pintar paisaxes e paisanaxes, a xeito expresionista, e a calidade plástica, así como a mostración dunha realidade socioespacial dun tempo e dunha certa disfunción económica, xa eran marcas indiscutibles na súa obra; nesta época, anos 1971 e 1972, da man de Ferro Couselo e Otero Pedraio, chegan as dúas primeiras exposición  no Museo Arqueolóxico de Ourense e se Ferro Couselo non aforra gavanzas, Otero Pedraio, ese armacén de sabeduría, manifestaba  que Antón Pulido, entre os artistiñas mozos ourensáns, era unha das máis firmes promesas con seguridade de futuro (Pulido pinta con aire sorprendido de xuventude, coma o orballo, coma o sol nas pedras orceladas).

A función pública docente dá con Antón Pulido en Barcelona, onde se enfronta á responsabilidade de dirixir un grupo escolar, e aproveita a súa nova residencia para se matricular na Facultade de Bellas Artes San Jordi, onde se licenciou con especialidade en pintura e gravado. Velaí xa un artista maduro e autodidacta que alcanza unha espléndida sabiduría teórica, acadénica, que lle propiciará novas e moi ousadas singraduras.

E chega o retorno a Galicia, a Vigo, onde logo oposita con éxito a unha praza de profesor de debuxo de ensino medio, ademáis de crear unha academia de pintura pola que pasou ben moito alumnado de todas as idades. Na chegada a Galicia xa conta coa ventaxa de se reencontrar co seu intimo Bieito Ledo para se encerellar con el e con otras xentes en canto asunto cultural teña que ver co País, a patria reencontrada, coa cultura e cos proxectos de noso. Nos últimos anos oitenta do pasado século comprométese coa Dirección Xeral de Cultura, cargo para o que o coopta Victor Vázque Portomeñe, e no ano 1993 foi nomeado como primeiro Director do Centro Galego de Arte Comtemporánea.

Como profesor, particular profesor ou director da academia de pintura e debuxo, Mestre Nacional, esteo e formador de rapaces e adolescentes, profesor de debuxo de Bacharelato e C.O.U., sempre alcanzou o éxito como formador-informador ademáis de contar sempre coa afectividade e simpatía do seu diverso alumnado.

Como xestor público tense enfrontado con éxito a responsabilidades non moi doadas que, contando con equipos ben escollidos, se teñen resolto con eficacia e con efectividade, é decir, as cousas fóronse sucedendo con oportunas solucións e resolucións sen queimar naves  nin adornarse con supérfluos ouropeis. De tal maneira, se foi sensato e eficaz Director de grupo escolar;  como Director Xeral de Cultura, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, comunicou moi positivamente con todas as instancias e iniciativas ocupadas en crear e desenvolver ámbitos diversos a prol da cultura universal e moi especialmente na dinamización daqueles aspectos e proxectos que nos son propios por lingua, tradición, idiosincrasia ou territorio;  como Director do Centro Galego de Arte Contemporánea, abriu unha cachoeira de eficacia e éxitos varios, tanto no relativo ás artes plásticas coma ás artes musicais, así, entre otras moitas excelencias, lévase a cabo a exposición de Alvaro Siza e a antolóxica de Laxeiro e crea o Departamento de Música Contemporánea

Pero Antón Pulido antes ca nada é artista plástico, prolífico e excelente artista. O seu campo de actuación irresistible e a pintura nas súas mil modalidades; despois das primeiras exposicións en Ourense  virían ben moitas outras e ben exitosas: varias en Cataluña, varias en Vigo (Concello e salas de Exposicións prestixiosas), Estación Marítima de A Coruña, varias en Santiago de Compostela, varias en Madrid (Casa de Galicia e salas de prestixio) e varias no Museo de Pontevedra. Nos anos 2008 e 2009 internacionalizouse en ámbitos de  prestixio para as artes plásticas, con exposición en Beijing, Shangai, Seul, Korea e, no ano 2011, na embaixada de Exipto en Roma.  E como tempo aínda dedicado ás artes, entre otras actividades, podemos mencionar a dirección e deseño da colección Artistas Galegos para a Editorial Nova Galicia, 30 tomos que recollen pintores, escultores e arquitectos, que significan un repaso histórico á xenialidade do país.

E por mostrarmos algún signos da xenerosida do noso artista, faremos mención das múltiples portadas de libros e deseño de colección onde ten posto a súa impronta, igual de abondosa e diversa é a súa presencia en revistas e en carteis para iniciativas socioculturais e sociodeportivas, e todo este labor do pintor e deseñador Antón Pulido sen que medie beneficio económico de ningún tipo. A maior abundamento, vexamos como se compromete a colaborar en moitas das ben importantes iniciativas e organizacións que funcionan no noso País: Fundación Premios da Crítica-Galicia, agora reconvertida en Asociación, Insua dos poetas na Esgueva (O Carballiño), Instituto de Estudos Carballiñeses onde se conta coa revista Agora do Orcellón, Patrón da Fundación Laxeiro e da Fundación Otero Pedraio, é Vigués Distinguido por decisión do Concello no ano 2006.

Por estas e por otras moitas razóns, a Asociación dos Premios da Crítica acordou unanimemente ofrecerlle unha moi merecida homenaxe aproveitando a ocasión de que lle chegaron os seus primeiros oitenta anos, que para Pulido non son tantos, senón vexamos que ben se remexe e canta intensa actividade desenvolve. E non pensen vostedes que temos sido moi orixinais as xentes desta nosa Asociación, pois para confirmalo podemos repasar algunas das importantes distincións coas que se nos teñen adiantado: Vigués distinguido, 2006; Galego do Mes, premio de El Correo Gallego, febreiro 2007; Fillo Predilecto de Amoeiro, 2008;  Premio da Crítica Galicia, 2014; Premio Trasalba, 2015; Premio da Cultura Galega

Nesta altura ben se poderían traer a capítulo fragmentos de sabios comentarios  sobre o artista e a súa obra, pero, como xa teño indicado, o tempo, pese a non existir, como deixou dito o meu admirado Agustín García Calvo, resulta ser un mandón tirano ó que ás veces cómpre darlle tino. Para ir acabando tan so vou acudir a algo que escribiu Modesto Hermida no artigo “De ritmos e de colores”, no libro de plural autoría Cántiga de fonte limpa que se publicou co gallo daquel premio Trasalba: “Antón Pulido sempre anda afouto para axudar, para animar, para favorecer ós  amigos/as con xenerosidade ilimitada. Sempre está disposto a exaltar as virtudes de a quen ten aprecio, sen calcular as posiblemente fastidiosas implicacións persoais. Eu amigas e amigos, miñas donas, meus señores, ilmas e Exmas autoridades, asegurolles que neste caso estou moi de acordó con Modesto Hermida. (Teño dito).

PARA O PINTOR QUE GUSTA DE ENREDAR COA LUZ

Neste xardín te deixarei coa flor no peito

Nunha presa de palabras retratado

Pois, se de ardentes coloridos es amado,

Cálidas son as colores do teu xeito.

E aquí te deixo, irmán, entre lúas ubicado

Das que arrandean coma estrellas no teu leito,

Pois que en creativa materia foches feito

Para nos donares un espazo encantado.

Nunca a noite para ti foi noite cega

Porque na noite puxeches lumieiras

De xeito que a túa luz atodos chega.

Mirando á Martiñá, viches maneiras

De inventares para nós a luz que chega,

Por San Xoan, nas douradas centeeiras.

                                             Modesto Hermida, 7 de outubro de 2024