O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas ao artigo «Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene» de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza; ao proxecto Satélite LUME-1  do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet; e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo da que son editores  Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho (Galaxia).Tras unha densa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1.

O xurado salientou, en primeiro lugar, «as enormes dificultades e alto grao de discusión interna motivado pola dificultade para artellar uns criterios comúns para obras de procedencia tan dispar e brillantes nos eidos científico, tecnolóxico e social». «Así, ao longo da súa deliberación, tivemos unha obra que supuxo un cambio de paradigma, unha concepción orixinal e gran rigor no tema tan delicado como é a memoria histórica; un artigo na prestixiosa revista Science, que foi elixido como un dos dez descubrimentos do ano pola Sociedade Americana de Química, e o lanzamento dun satélite que é consecuencia do nacemento da incipiente industria aeroespacial galega».

O xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo».