O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Espazos sonoros, Festival de Poesía do Condado e Semente Escola de Ensino Galego. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio a Festival de Poesía do Condado.

O xurado salientou da iniciadora gañadora que «é un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Saliéntase, tamén, «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou, tamén, que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».