O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, líder do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xan Carballal e á Banda Artística de Merza. Tras a derradeira deliberación acordou outorgar por unanimidade o premio a Xan Carballal.

O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».