Carlos López García-Picos

Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922 – Oleiros, 2009) foi un compositor galego, principal impulsor e socio e membro de honra da Asociación Galega de Compositores. Tivo unha especial relevancia na diáspora galega.

O seu pai iniciouno nos seus estudos musicais co requinto nunha pequena orquestra de seis instrumentos de vento coa que percorría a comarca betanceira amenizando as súas festas. Posteriormente, ingresou na Banda Municipal de Betanzos, circunstancia que coincide co inicio da Guerra Civil, que obrigaría a seu pai a marchar á Arxentina.Contra o mes de febreiro de 1940, Carlos embarcou tamén cara ao país suramericano seguindo os pasos de seu pai tres anos antes, onde iniciou a que el mesmo definiu como “segunda etapa da súa vida”.

En 1946 aproximadamente, fíxose cargo da dirección da Coral Polifónica Os Rumorosos do Centro Betanzos de Buenos Aires, cargo que desempeñou durante máis de trinta anos. En 1956 estreou no Teatro Colón de Buenos Aires o ballet “La farsa de la búsqueda” que compuxo en colaboración co seu compañeiro de estudos Emilio Terraza. O éxito desta estrea valeulles a obtención dunha bolsa da Embaixada Cultural de Francia en Buenos Aires que lle permitiu embarcarse a París ese mesmo ano, iniciando unha estancia intermitente na capital francesa, onde continuou a súa formación musical.

En 1964, de volta en Buenos Aires, promoveu a fundación da Asociación de Jóvenes Compositores da Arxentina, na ocupou varios cargos. Nesta etapa compuxo algunhas das súas páxinas máis significativas do seu catálogo e coñeceu a Luís Seoane, con quen entablou amizade. Tras varias estreas de obras de cámara escribiu a obra sinfónica Sindy, estreada en 1976 pola Orquesta Filarmónica de Buenos Aires e que será elixida para representar á Arxentina nos Encontros de Música Contemporánea da UNESCO. Tamén é salientable a estrea da súa obra “Ra-rá” pola mesma orquestra e no mesmo escenario, que recibiron un notable éxito de crítica.

O 11 de maio de 1984 regresou definitivamente a Galiza, instalándose no seu Betanzos natal e entrando en contacto con varios compositores galegos novos cos que fundou a Asociación Galega de Compositores (AGC) en 1987, da que foi presidente durante os seus primeiros anos de existencia. Asemade, tamén foi membro da “Xunta Directiva da Confederación Española de Asociacións de Compositores Sinfónicos” (CEACS). Durante estes anos, nos que se estableceu definitivamente na súa localidade natal de Betanzos, desenvolveu a súa etapa máis produtiva dende o punto de vista compositivo, actividade que se viu recompensada co feito de ser un dos compositores galegos máis presente nas programacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, con varias estreas a cargo desta formación.

García-Picos deixou un amplo catálogo (formado por 141 obras), froito tanto da súa lonxevidade como da súa dedicación ao métier de compoñer, cun gran número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas.