O xurado da modalidade de Música, formado por Uxía Senlle, cantora, gañadora da edición 2016; Manuel F. Álvarez González, fundador de Xuventudes Musicais de Vigo; Octavio Beares, crítico musical de Faro de Vigo; Xosé Luís Blanco Campaña, xornalista; María Xosé Cerviño, Directora da Escola de Música Berenguela de Santiago; Fernando Fernández Rego, xornalista, historiador da música en Galicia e Antón Pulido Novoa, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Luís Emilio Batallán, Orquestra Sinfónica de Galicia e Treixadura. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Luís Emilio Batallán.

O xurado valorou de Luís Emilio Batallán “a súa traxectoria até a actualidade, a súa reivindicación e renovación da canción galega, a historicidade e dimensións das súas composicións que forman parte xa da cultura galega e do imaxinario colectivo de varias xeracións”. O xurado tamén quixo salientar “a contribución de Batallán á difusión da poesía galega e á popularización de autores como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Carlos Oroza”.