O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Observatorio pola Igualdade da Mariña, gañadora da edición 2016; Marcelino Fernández Santiago, xerente do Consello da Cultura Galega; Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC; Manuel Vicente García, xornalista de Esfervescencia Galega; Malós Cabrera, membro da Fundación Penzol; Pablo López, xornalista de Galicia ciencia e Afonso Vázquez-Monxardín, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Programa ConCiencia, Colección Galician Wave e Programa de Medicina Xenómica. Tras as derradeiras deliberacións acordou por maioría outorgar o premio a programa ConCiencia.

O xurado salientou do Programa ConCiencia que “sexa unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados; sendo unha ponte entre niveis educativos, o mundo da investigación e a cidadanía”. Así mesmo salientou que “contribúa decisivamente a formar rede entre os investigadores e as investigadoras de Galicia e os lideres mundiais na materia; ademais de que consigue amosar que a sociedade responde ás iniciativas de divulgación científica de calidade”. Por último, “o xurado deséxalle ao progrma Conciencia unha longa e fructifera vida na que se puidese amosar unha maior visibilización da relevancia do papel da muller na ciencia”.