XG00190401

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García , que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.

Que papel xogou a prensa galega durante a Transición política? Foi por diante ou por detrás da sociedade? Que posición adoptou ante a reivindicación dunha autonomía de primeiro nivel para Galicia? A Transición configúrase como o momento fundacional do sistema democrático vixente, da actual organización política e da estrutura socioeconómica; tamén da estrutura de medios. Todos eles postos en cuestión recentemente nunha crise ligada ao esgotamento desa estrutura fundacional.Os xornais son a testemuña do seu tempo e, á vez, unha ferramenta fundamental para darlle forma. Ao longo da Transición, a prensa serviu de escenario para a loita entre varios proxectos de sociedade e, en maior ou menor grao, foi escaparate das ansias de cambio. A iso contribuíu a chegada ás redaccións dunha nova xeración de xornalistas que, grazas a unha liberdade da que hoxe carecerían na maior parte das empresas, sinalaron un camiño para a democratización do país e tamén para as demandas de autogoberno.En A prensa en Galicia na Transición, Marcos Pérez Pena realiza un minucioso percorrido polos principais acontecementos sociopolíticos da época para recoñecer o papel determinante dos xornais no seu desenvolvemento. Moitas cousas mudaron despois, a partir de 1980, unha vez consolidado o proceso de Transición e fixados os límites do consenso. Tamén nos medios, onde os xornalistas viron moi limitada a súa autonomía.