O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Clara V. Álvarez, profesora de Fisioloxía na Facultade de Medicina da USC e directora do Grupo de Investigación sobre Neoplasias e Diferenciación Endocrina no CIMUS; Ángel Manuel Sánchez Bermúdez, catedrático de Enxeñería Química da UVigo; Felipe Criado-Boado, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT); Nieves Lagares, profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC; Rubén Lois González, catedrático da facultade de Xeografía e Historia da USC e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional; Victoria Otero Espinas, matemática e Vicerreitora de  Titulacións da USC e Malores Villanueva, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar como finalistas a Ramón Villares, José Luís Mascareñas e a da Rede Interdisciplinar Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDali). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por consenso o premio a José Luis Mascareñas.

O xurado salientou que «José Luís Mascareñas ten unha exitosa traxectoria investigadora no ámbito da Química, que se aplica a outras áreas de coñecemento como a Bioloxía e a Biomedicina. Destaca tamén que é o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia. É director do CIQUS, un dos centros punteiros de investigación competitiva e dende esta posición favorece a creación e a continuidade de novos grupos científicos que xeran unha rede de traballo, así como garanten o seu futuro e, por ende, o da investigación. Con este recoñecemento salientamos a importancia da ciencia galega feita dende Galicia, nesta caso na área de Química biolóxica e na persoa de José Luis Mascareñas. O xurado quere manifestar a gran dificultade que supuxo decantarse por un dos finalistas dada a súa valía en ámbitos tan diferentes e tan importantes para a investigación galega».