O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Antonio Manuel Fraga, escritor, gañador da edición 2017; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; María Xesús Fernández Fernández, profesora e crítica; María Xesús Nogueira, profesora da USC e crítica; Susana Sánchez Aríns, profesora e crítica; Miro Villar, profesor e crítico; Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar finalistas as obras A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais), Nomes de fume de Miriam Ferradans (Espiral Maior), Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora), Cervatos de Lucía Novas (Faktoría K). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais).

O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan. Ao tempo que salientamos o coidado da súa estrutura, a viveza e naturalidade dos diálogos, a construción dunha atmosfera que repara na presenza das ausencias, a reflexión sobre a maldade, a referencia ao cine como refuxio da inocencia e a súa riqueza lingüística, elementos que o converten, ao noso xuízo, na mellor novela do ano».