O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural, Sermos Galiza; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico; Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz (Xerais), Zapatillas rotas de Xabier Quiroga (Xerais) e Penúltimas tendencias de Carlos Negro (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Agustín Fernández paz A viaxe de Gagarin editada por Xerais.

O xurado salientou que “A viaxe de Gagariné unha novela que vén culminar un ciclo narrativo, na que o autor realiza unha emotiva viaxe desde o presente cara a unha parte da nosa historia recente tantas veces silenciada. Este reencontro desenvólvese a través dunha arquitectura textual ben definida e mediante unha linguaxe diáfana e sedutora tecida desde un galego rico e depurado. Así mesmo quere destacar o labor documental e as múltiples referencias socioculturais á época na que se sitúa a trama”.