O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por  María Luisa Abad, pedagoga; Xesús Fraga, escritor e xornalista, gañador da edición anterior; Esther Gómez Suárez, libreira da libraría Moito Conto; Manuel González González, membro da RAG, catedrático da USC; Bieito Iglesias, escritor; Pilar Ponte, profesora e crítica e  Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a As malas mulleres (Galaxia 2021) de Marilar Aleixandre; O cervo e a sombra (Xerais 2021) de Diego Ameixeiras; Palmeiras, piueiros (Chan da Pólvora 2021) de Anxo Angueira e O que fica fóra (Apiario 2021) de Manuel Rivas.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario).

O xurado salientou que O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir.