Victor Freixanes

Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) é doutor en Filoloxía Románica, pasou da docencia escolar ao xornalismo, de aí ao mundo da edición e, finalmente, á universidade. Actualmente é profesor de xornalismo en Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e director de Editorial Galaxia.

En 1980 gañou o Premio Modesto R. Figueiredo co relato “A caza das cascudas”. Posteriormente, coa súa primeira novela, O triángulo inscrito na circunferencia (1982) obtivo o Premio Blanco Amor. En 1989, publica O enxoval da noiva, novela que recrea a Roma dos Borgia, e en 1993 gaña o Premio Torrente Ballester con A cidade dos césares. Antes dera ao prelo Unha ducia de galegos (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e Memoria dun fuxido (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. En 2010 publica en Galaxia a novela Cabalo de ouros, co que obtivo o Premio Autor do Ano da Federación de Libreiros de Galicia.

 

Texto: Galaxia