Fiz Vergara Vilariño

Fiz Vergara Vilariño (Santalla de Loúzara, 1953 – 1997) foi un poeta galego. Afectado por unha grave doenza, estudou o Bacharelato en Lugo para de seguida volver á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna e se dedicou unicamente á literatura. Mais a pesar da súa invalidez non estivo recluído e foron frecuentes as súas saídas na amorosa compañía dos seus pais ou da súa irmá Irene, que con frecuencia lle serviu de rapsodo para os seus poemas, moitas veces premiados e de cotío presentes en recitais.

Entre a súa obra destacan “Pra vós” (1971), “Encontro cos tiburós” (1973), “Orfo de ti en terra adentro” (1976), “Poeta muiñeiro á deriva” (1983), “Nos eidos da bremanza” (1990) e “Pastora de sorrisos” (1993). A poesía de Fiz Vergara é áspera e docísima, xentil e arrepiante, e nela brillan as palabras máis gastadas coma se acabasen de ser inventadas para a ocasión.