Antón Avilés de Taramancos

Antón Avilés Vinagre (Taramancos, 1935 – A Coruña, 1953) foi un escritor galego. Aos vinte anos a súa inclinación á literatura concretouse nunha serie de sete poemas publicados na revista ferrolana Atlántida baixo o título de As moradías do vento (1955). Tres anos máis tarde, durante a súa estancia en Ferrol por mor do servizo militar, saíu do prelo o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo, magnífico exemplo da musicalidade da poesía avilesiana. Desde ese momento Avilés de Taramancos colocouse entre os máis destacados poetas de posguerra. 


     No ano 1960 tivo que emigrar a Santiago de Cali (Colombia), o que fixo que a súa traxectoria como poeta se desenvolvese independentemente da dos seus compañeiros de xeración. En terras americanas, onde levou unha vida de auténtico aventureiro, a súa actividade literaria non cesou. Comezou a compor en 1961 Poemas da ausencia, enviou 10 poemas á revista Grial e realizou nas páxinas de La Voz de Galicia un emotivo “Pranto por Urbano Lugrís” (1974) co gallo da morte do pintor e amigo.


     Dous anos despois de regresar a Galiza, Avilés deu a coñecer O tempo no espello (1982), onde incluíu, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981). Pouco despois viron a luz Cantos caucanos (1985), produto das lembranzas colombianas do poeta, que lle valeu o Premio da Crítica española e chegar a finalista do Premio Nacional de Madrid. A dialéctica que Avilés establece entre a saudade do país natal e a experimentación a través do poema alcanza aquí a súa máxima expresión.


     En 1989 edítase As torres no ar, que supón o punto máximo dunha escrita que liga o sentimento de morriña da terra ao amor e ao erotismo interiorizados como actos fundamentais da vida. Neste mesmo ano o poeta fixo aínda unha incursión na narrativa cun libro de relatos titulado Nova crónica das Indias.