Álvaro CunqueiroÁlvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981) dedicouse desde moi novo á literatura e ao xornalismo. A súa obra abrangue todos os xéneros e os máis diversos temas, desde a poesía ao libro de cociña, pasando pola narración e o drama. Dotado dunha singular fantasía e dunha extraordinaria capacidade de fabulación, Cunqueiro anovou fondamente a literatura galega. A súa mestría lingüística, o seu libérrimo uso das convencións literarias, o poder que a súa literatura lle asigna á imaxinación, a integración de distintas tradicións culturais e estilísticas nun todo novidoso e persoal fixeron do autor de obras como Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Os outros feirantes, Don Hamlet, Herba de aquí e acolá, Si o vello Sinbad volvese ás illas…, Escola de menciñeiros, Tesouros novos e vellos, unha das figuras máis importantes da historia da literatura galega que, ademais, conta con múltiples traducións a outras linguas. 

Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai entrou en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 trasladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras. Alí descubriu a obra dos autores vangardistas que influirían nos seus primeiros poemarios, e participou de forma activa na vida cultural da época. Coincidiu en Compostela con García-Sabell, Torrente Ballester, Carballo Calero, Luís Seoane, Maside, Colmeiro e outros integrantes intelectuais galegos do momento.

De volta en Mondoñedo promoveu a aparición de varias publicacións de corte vangardista. Nesta liña publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).

Nos anos 40 comezou a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente ao lonxe…). Escribe ademais pezas dramáticas como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). É autor tamén dunha importante obra en lingua castelá.

Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano no que comezou a traballar no xornal Faro de Vigo, do que foi director. Recibiu un importante número de galardóns e homenaxes.

Cunqueiro superou o concepto tradicional dos xéneros e construíu un universo literario coherente no que tratou elementos populares e recreou mitos e personaxes históricos e literarios. A súa obra literaria conforma un corpus singular que o sitúan como un dos mellores escritores galegos e universais do século XX.

Texto: Galaxia