Laxeiro. LVDGXosé Otero Abeledo, alcuñado como Laxeiro (Lalín,1908- Vigo, 1996),  foi un pintor galego, un dos máis representativos que ten dado Galicia en todos os tempos.

En 1921 emigra a Cuba coa súa nai e mais o seu irmán para se reuniren co seu pai. Na Habana traballa, estuda debuxo no Centro Galego, lugar no que coñece a Virxilio Blanco, e visita as exposicións de Corredoyra e Zuloaga, que o impresionan dun modo especial. 

En 1925 regresa a Lalín e as necesidades económicas obrígano a traballar de barbeiro polas feiras, ocupación que comparte cunha especial dedicación ao debuxo do natural. A data en que Laxeiro regresa a Galicia coincide co inicio do Movemento Renovador da Arte Galega, protagonizado por artistas como Souto, Torres, Colmeiro, ou Eiroa, e ao que axiña se incorpora. Os renovadores introducen na arte galega as diferentes vangardas históricas dun modo aleatorio. Neste momento España vive a Arte Nova, en Europa prodúcese o retorno á orde e Picasso desenvolve a súa etapa clásica. É dicir, unha época caracterizada pola volta á figuración, pero dende unha concepción de modernidade, con formas sinxelas e estruturadas alleas a calquera anécdota ou nota costumista. O referente figurativo é esencial para a arte galega do momento, directamente relacionado co sentimento nacionalista e promovido por ideólogos como Castelao, que converten a arte nun instrumento difusor dos seus ideais. A linguaxe plástica permítelles dar a coñecer a súa visión da sociedade galega e propoñer solucións.

En 1933 regresa a Galicia e entra en contacto co ambiente artístico de Santiago de Compostela vinculado ao nacionalismo. Frecuenta o faladoiro do Café Español, no que participan Colmeiro, Maside, Luis Seoane, Eiroa, Arturo Cuadrado ou Cunqueiro. Vive activamente o panorama cultural da Barraca Resol, as Misións Pedagóxicas e en 1934 expón na Facultade de Filosofía e Letras. Esta primeira exposición individual, que mereceu unha destacada crítica de Fernández del Riego, mostrou unha obra caracterizada polas formas volumétricas, a ausencia de elementos costumistas e a estética do granito, común a moitos dos renovadores. Laxeiro perfila nesta mostra o seu repertorio temático: o entroido, as maternidades, as escenas campesiñas e os mitos e as lendas da súa terra natal.

Texto: Deputación de Pontevedra

Foto: La Voz de Galicia