CGAC (Santiago de Compostela)

O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea.

Creado en 1993, este centro enmárcase dentro da política xurdida en España a partir da década de 1980 para promover o desenvolvemento de plataformas culturais e favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional.

Desde os seus inicios, o CGAC amosou as liñas directrices da arte das últimas décadas mediante exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente ao carón de exposicións dedicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes. Tamén son continuas as colaboracións con outras institucións, que nesta nova etapa se verán reforzadas con proxectos a longo prazo.

Pero, ademais dun espazo expositivo, o CGAC é un centro dinámico e multidisciplinar no que se celebran ciclos de conferencias, obradoiros impartidos por artistas e incursións no campo da música, as artes escénicas e o cinema, que permiten a participación activa do público e favorecen o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.