Xabier Rodríguez Baixeras

Xabier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1946) é un poeta e tradutor galego. En Tarragona estaba destinado como militar o seu avó paterno, orixinario de Nois (Foz). O seu pai, secretario de administración local, exercía na Pobra do Caramiñal, a súa nai era catalá. A familia marcha despois a Ribadeo. Alí fai os estudos primarios. En 1957 trasládanse a Segovia ao ser nomeado o pai secretario da Deputación. En Segovia estuda o bacharelato. Pasa pola universidade de Valladolid, e despois pola de Madrid, onde se licencia en Filoloxía Románica.

En Madrid retoma o contacto con Galicia a través das clases que na delegación da UNESCO dirixía Ben-Cho-Shey. Tamén coñece a Reimundo Patiño, o último dos Brais Pinto en Madrid. En 1970 trasládase novamente coa familia á Coruña, onde comeza a impartir clases no instituto Ramón Puga. Ao aprobar as oposicións obtén praza en Palma, onde vive tres anos. En 1977 trasládase a Vigo onde entra en contacto con escritores e xente da cultura, e comeza a escribir libros en galego e a súa actividade como tradutor. Desde 2006, unha vez xubilado como profesor, alterna a súa residencia entre Galicia e Salvador de Bahía (Brasil).

Entre a súa obra poética destacan “Anos de viaxe” (Xerais, 1997), “Visitantes” (Deputación da Coruña, 1991), “Nadador” (Espiral Maior, 1995), “Beira Norte” (Sotelo Blanco, 1997) e “Eclipse” (Espiral Maior, 2001), entre outros.