Carlos CasaresCarlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega.

Carlos Casares naceu en Ourense no ano 1941 no seo dunha familia de clase media. Con tan só tres anos trasládase a Xinzo de Limia, onde seu pai exercía a profesión de mestre. Deste xeito, vivirá no rural galego a súa primeira infancia, fortemente vencellado á lingua do país, pois, aínda sendo a súa nai español-falante, na contorna o galego era a lingua absolutamente dominante.

Fillo dunha familia con grandes vencellos relixiosos (con varios cregos e un arcebispo entre eles), Carlos Casares será enviado ao Seminario Conciliar de Ourense onde cursará Humanidades entre os cursos 1952-53 e 1956-57. Durante estes anos vivirá unha forte represión lingüística que espertará no autor un espírito inconformista, chegando a aparecer a súa primeira experiencia literaria, o xornal El averno, que difundía clandestinamente. Como consecuencia disto, Carlos abandonará o Seminario e cursará os estudos de Bacharelato por libre, o cal lle facilitará unha chea de horas de liberdade que investirá no que serán os comezos da súa creación literaria. Así, gañará un premio na capital ourensá que lle dará a posibilidade de coñecer ao intelectual galeguista Vicente Risco, e non só iso, se non que comezará a asistir á súa tertulia no “Café Parque”.

Rematados os estudos, Casares instálase en Santiago de Compostela onde comeza a carreira de Filosofía e Letras, especializándose en Filoloxía Románica, entre os anos 1961 e 1967. Na Universidade entrará en contacto con Arcadio López-Casanova, e grazas a el coñecerá a Ramón Piñeiro, vencellándose así no núcleo da cúltura galega antifranquista. Porén, non todo se reducía ao labor cultural. Carlos Casares formaría parte tamén de ADE (Asociación Democrática de Estudiantes) e FELIPE (Frente de Liberación Popular) onde, segundo o propio autor, “descubrín o marxismo, e sentíame marxista”. Nestes anos de universidade tampouco descoidará o eido literario. Así, publicará varios relatos na revista Grial no ano 1965 e, no 1967, sairá do prelo a súa primeira obra, Vento Ferido, que publicará naColección Illa Nova de Galaxia.

Rematada a carreira, Carlos regresa a Xinzo para agardar a convocatoria de oposicións. Mentres tanto, solicita praza no Instituto de Ourense pero comeza traballar en Viana do Bolo, como profesor auxiliar no “Colegio Libre Asociado”. Unha vez alí entrará en conflito coa dirección do Centro ao realizar actividades que non gustaban ao Réxime. Deste xeito, será expulsado e, debido á intervención do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, seralle prohibido exercer a docencia en toda Galiza. Así, emigrará a Biscaia onde estará pouco tempo por causa duns problemas do Centro, alleos ao autor.

Na volta desta viaxe, coñece no tren a Kristina Berg, unha rapaza sueca que se converterá na súa muller até o fin dos seus días. Así, Carlos visitará con frecuencia Suecia, un país cunha sociedade aberta, democrática e avanzada, e alí nacerán os seus fillos, Hakan e Christian.

No 1974 convócanse oposicións, ás que Carlos se presenta e consegue praza de profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Cangas do Morrazo. Pero ao pouco tempo será expedientado xunto a Méndez FerrínAlonso Montero e Francisco Rodríguez.

Un ano despois, Casares gañará o premio Galaxia, conmemorando o 25 aniversario da editorial, que o levará a ser recoñecido como unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da narrativa galega. Isto, xunto aos estudos realizados sobre Otero PedrayoVicente Risco ou Curros Enríquez, levaríano a entrar na Real Academia Galega no ano 1977, sendo o membro numerario máis novo.

A pesar do seu traballo como ensaísta, Carlos Casares non esquecerá a narrativa, e seguirá publicando obras sendo moi ben acollidas polo público. Así, teremosOs escuros soños de Clío (1979); Ilustrísima (1980) e tras deixar a súa carreira parlamentar Os mortos daquel verán (1987),Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002).

(Texto: Galipedia)