O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Moncha Fuentes, escritora e gañadora da edición anterior; Luís González Tosar, escritor e presidente do Centro Pen de Galicia; Ánxela Lema París, crítica e compoñente da Sega; Montserrat Pena Presas, crítica e profesora da USC; Olivia Rodríguez, crítica e profesora da UDC; Vicente Rodríguez Justo, director da Biblioteca Pública Municipal de Verín e Mª Dolores Cabrera Iglesias, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas as obras, por orde alfabética, Atlas de Alba Cid (Galaxia), Feliz Idade de Olga Novo (Kalandraka), Memoria do silencio de Eva Mejuto (Xerais) e O último barco de Domingo Villar (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por unanimidade o premio a Feliz Idade de Olga Novo ( Kalandraka)

O xurado salientou na obra gañadora a forza lírica coa que converte as vivencias persoais nun feito poético universal, enraizado no máis fondo da nosa propia identidade cultural. É un canto á vida no que conflúen pasado, presente e futuro. Ao tempo que o eu lírico expresa a súa felicidade polo nacer da filla, compón  unha elexía polo pai falecido. Destacan a potencia da lingua poética e a escolla das referencias culturais. Unha estrutura, en sete partes ben definidas, axuda a avanzar na gozosa lectura.