Xose Luis Mendez Ferrin

Xosé Luís Méndez Ferrín, (Ourense, 1938) é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma dende o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente.

En 1955 el e a súa familia trasládanse a Vigo. Neste momento comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí toma contacto co galeguismo cultural nucleado na Editorial Galaxia en torno á figura de Ramón Piñeiro, pero non tardará en reclamar unha nova articulación da oposición política ao franquismo e do propio nacionalismo, o que provocará a súa expulsión, xunto con outros mozos, do Consello da Mocedade. En 1956 foi primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 vai a Madrid onde tres anos despois licénciase en Filoloxía Románica. Nesta cidade mantén estreito contacto cos focos galeguistas e de esquerda alí localizados. Así, en 1958, créase o grupo Brais Pinto, constituído en torno á editorial do mesmo nome. En 1965 obtén a Cátedra de Lingua e literatura Española do Instituto Santa Irene de Vigo instalándose finalmente nesa cidade.

Recentemente xubilouse e retirouse do seu posto de profesor de literatura no Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. É Doutor en Filoloxía.

(Texto: Galipedia