Francisco Fernandez del Riego

Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), foi un intelectual galego. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.

Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.

O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia da literatura galega (1984), Galicia no espelloDiccionario de escritores en lingua galegaA xeración Galaxia e estranxeiras, como Letras do noso tempo.

Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeasO camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxias poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompila a súa correspondencia con Cunqueiro e a edita en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense, e publica tamén en Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.

(Texto: Galipedia)