O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Fernando Aguado Agelet, gañador da edición anterior, profesor da UDV; Marilar Aleixandre, catedrática da USC, membro da RAG; Anxo Carracedo, catedrático da USC; Antón Costa Rico, catedrático da USC; Carmen García Mateo, catedrática da UDV; Joana Magalhães, investigadora no INBIC, Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña e Blanca Roig Rechou, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso; Unha historia da música en Galicia. 1952-2018 de Fernando Fernández Rego; Variación e cambio nos dominios galego e portugués no século XX. https://ilg.usc.es/gl/proxectos/VARCAM_GP , dirixido por Xulio Sousa Fernández e Castelao. Construtor da Nación. Tomo I. 1886-1930.de Miguel Anxo Seixas. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por maioría o premio á obraAnarquistas galegos en América de Bieito Alonso, publicada pola editorial Galaxia.

O xurado salientou nesta obra: a investigación rigorosa, propia e sintética coa que se profundiza e anova, con lucidez historiográfica, a historia do anarquismo en América; a visión transnacional e inclusiva da loita pola xustiza social desde perspectivas ideolóxicas e organizativas do anarquismo; o entrelazado do tema da emigración a través de historias conectadas de homes e mulleres desde diversos puntos de América e Galicia e a súa presentación accesible para un amplo público lector