O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por  Bieito Alonso, profesor da UDV, gañador da edición 2020; Marisa Castro Cerceda, profesora de Bioloxía vexetal da UDV; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro da RAG; Camiño Noia Campos, catedrática e profesora emérita da UDV; Neves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da  UDC, Premio Nacional de Informática; Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofísica da UDV e María López Sández, Secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Castelao. Construtor da nación. Tomo II (1931-1939) de Miguel Anxo Seixas (Galaxia); Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966) de Mario Regueira (Xerais) e Unha mente que voa de Xurxo Mariño (Xerais).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Construtor da nación. Tomo II (1931-1939) de Miguel Anxo Seixas (Galaxia).

O xurado salientou que a obra é resultado dunha investigación profunda e rigorosa que se achega á figura fulcral da cultura galega. Máis alá da construción mítica, o traballo permite aprofundar, desde os feitos e as fontes, na personalidade de Castelao, poliédrica e complexa, iluminando a súa dimensión política, humana e artística.