Anxo Tarrío

Anxo Tarrío Varela ( Santiago de Compostela, 1945), é catedrático de filoloxía galega e portuguesa, na especialidade de literatura galega, na Universidade de Santiago de Compostela. Estudou Mestría Industrial, Maxisterio e Filoloxía Románica na Universidade compostelá, e doutorouse cunha tese sobre a novelística de Benito Pérez Galdós. Impartiu docencia de lingua española, lingüística xeral, crítica literaria e Teoría da Literatura nos colexios universitarios de Lugo e Vigo, e posteriormente incorporouse á Universidade da súa cidade natal como profesor de Literatura Galega.

Entre a súa obra destacan “De letras e signos (Ensaios de semiótica e crítica literaria)” (Xerais, 1987), “Opinións e xoguetes literarios” (Editorial Compostela, 1992) e “Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica” (Xerais, 1994), polo que recibiu o Premio de Investigación da Fundación Premios da Crítica.

(Texto: Galipedia)