O xurado da XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Ana Abelenda, xornalista de La Voz de GaliciaYolanda Castaño, poeta e xestora cultural; Pablo López, xornalista, codirector de  GCiencia, gañador da edición 2020; María Obelleiro, xornalista, directora de Nós diario; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; Iria Veiga Ramos, psiquiatra e divulgadora científica e Inma López Silva e Ramón Nicolás Rodríguez, que exerceron labores de Secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Viñetas desde o Atlántico, Investigal (Rede Galega pola Investigación) e Pontenciencia (Feira da Miniciencia).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Viñetas desde o Atlántico.

O xurado salientou a traxectoria dilatada e entusiasta, de máis de dúas décadas a prol da difusión e divulgación dun xénero pouco recoñecido pero de grande excelencia como é a banda deseñada e no que cumpre un papel central no ámbito galego, estatal e internacional con forte calado popular. Ideado, alentado e dirixido por Miguelanxo Prado é un proxecto catalizador para a incorporación de novos talentos e, ao tempo, integrando actividades dirixidas a todo tipo de público, sempre cunha acollida extraordinaria.