O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Rosario Álvarez Blanco, presidenta do CCG, membro da RAG; Alfredo Conde Cid, escritor; Avelino Muleiro García, catedrático de Filosofía, director do Instituto de Estudos Carballineses; Cristina Novoa Fernández, mestra, traballadora do ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura; Susana Pedreira Buján, xornalista de Onda Cero; Felipe Senén, escritor, presidente de Terras Ártabras e Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas á Fundación Vicente Risco, o portal GCiencia e Polo correo do vento. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por maioría o premio ao portal GCiencia.

O xurado salientou a aposta do portal web GCiencia polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega e dirixidos a un público xeralista. Recoñecemos a traxectoria dun proxecto codirixido desde 2013 polos xornalistas Eduardo Rolland e Pablo López e que acada un tráfico de máis de cinco millóns de páxinas vistas ao mes. Ademais, o xurado valora a relevante achega que supón este portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede, alén de promocionar os valores humanistas da propia ciencia.

O xurado quere salientar, asemade, os valores que atesouran os outros dous finalistas. En primeiro lugar valórase na Fundación Vicente Risco a defensa da figura extraordinaria de Risco a través dun plural abano de actividades que promove unha constante análise crítica arredor da súa obra, alén de inculcar os valores culturais fronte á aculturación. En segundo lugar, en canto ao proxecto Polo Correo do Vento, un colectivo especializado na realización de actividades dirixidas a un público novo, salientamos a intensa promoción da lectura, o traballo realizado a prol da comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos na nosa lingua.