O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por  Xosé Aldea, editor e xestor cultural; Lois Celeiro Álvarez, xornalista; Belén López Vázquez, editora; Celia Pereira Porto, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Mar Mato, xornalista cultural; Xosé Luís Regueira, membro da RAG, profesor da USC e Xosé María García Palmeiro, xornalista, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cabreiros (Xermade). Veinticinco anos dunha experiencia rural colectiva; Código Cero Comunicación e Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

O xurado salientou a importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego. Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, salientou o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017.