Xosé Ramón Pena
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV; Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e Afonso Vázquez Monxardín, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ao científico e investigador Miguel Anxo Murado García e ás obras Conciencia política e literatura galega en Madrid de Ana Acuña (Xerais); Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento de Xosé Ramón Pena (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da Literatura Galega II de Xosé Ramón Pena (Xerais).
O xurado destacou que a obra gañadora constitúe un libro de referencia imprescindible. Fai unha excelente e documentadísima revisión crítica das cuestións máis controvertidas do Rexurdimento galego mediante a análise exhaustiva da bibliografía literaria e histórica existente achegando sempre unha visión persoal e moi novidosa en múltiples aspectos.