Berta Dávila
O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación literaria, formado por Tensi Gesteira Estévez, blog Lecturafilia; Ana Luna Alonso, docente de Tradución, Facultade de Filoloxía e Tradución (UVigo); Xaquín Núñez Sabarís, crítico e profesor titular da Universidade do Minho; Patricia Porto, libreira; Manuel Rivas, escritor e gañador da edición anterior; Miro Villar, escritor e crítico e Míriam Ferradáns, secretaria, en representación dos Premios da Crítica da Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Barroco (Apiario) de Antía Otero, Materia (Xerais) de Yolanda Castaño, Ninguén queda (Euseino) de Brais Lamela e Os seres queridos (Xerais) de Berta Dávila.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Os seres queridos de Berta Dávila.
O xurado salientou que Os seres queridos adéntrase nun modelo narrativo contemporáneo de destaca sutileza poética. A obra sobresae pola xenerosidade e honestidade e a conmoción que flúen a través da súas páxinas de xeito brillante. O libro avanza no espazo do escuro, do tabú con implacable contención narrativa levando á lectora a transitar pola violencia de xeito implacable. En definitiva, atopámonos ante unha obra valente que abre paso a novas narrativas amosando que a valentía debe ser un dos corazóns centrais da literatura.