O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por  Queixaría Arias Moniz, empresa gañadora edición anterior; Maica Couto Míguez, profesora de Formación Profesional de Hostelería e Turismo; Carmen Prado Pico, xornalista; Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC (campus de Lugo); Marcos Soriano Acero, consultor de industrias agroalimentarias; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa,doutor en Química, actual presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e Blanca Ana Roig Rechou, catedrática da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos ; ao chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán; a María Varela como cociñeira de A parada das bestas e á revista Pincha.

 Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio María Varela como cociñeira de A parada das bestas.

O xurado salientou a María Varela  polo seu facer como cociñeira en A parada das bestas,  por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso,  con só 24 anos de idade, por apostar por un proxecto de vida común, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo,  e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa.  María recuperou receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais. Unha aposta arriscada que conseguiu facerse co tempo un nome no mundo da gastronomía. Hoxe en día moitos dos produtos da comarca se coñecen e andan polo mundo grazas a este matrimonio. Son un modelo de referencia que ten que ser recoñecido pola camiño percorrido.