Moncha Fuentes
O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais) e Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais).
En primeiro lugar o xurado salientou de Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa, a obra finalista, «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro que mestura as máis altas referencias literarias con elementos da cultura pop procurando as súas raíces e explorando o papel da lingua na memoria; así como a hibridación dun texto que transita entre o lírico e o narrativo, cunha montaxe cinematográfica que confire á escrita unha axilidade envolvente na que o humor e o azar se mesturan coa vida».
A seguir, o xurado salientou da obra gañadora, O mar que nos leva de Moncha Fuentes, «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».