Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), reside en Galicia dende 1973, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida. É profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental, dende 1988.

O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de “Agardando polos morcegos”. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995).

Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con T”ránsito dos Gramáticos”. En 1996 publicou o libro de relatos “Lobos nas illas”, sobre as difíciles relacións familiares, en 1998 a novela “A Compañía Clandestina de Contrapublicidade” (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano), e no 2001 “Teoría do Caos” (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ó castelán, portugués, catalán e vasco.

Traduciu do inglés para o galego o poemario Muller ceiba (1996) de Sandra Cisneros, A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBYen 1997) e Harry Potter e a pedra filosofal, o primeiro volume da serie Harry Potter, no 2001, sendo ademais a responsable dos guións dos 14 capítulos da serie de banda deseñada “Os escachapedras”, con ilustracións de Fran Bueno.

Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemarioCatálogo de velenos. En 2010 foi nomeada Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten así mesmo colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da Palabra Silenciada, Dorna e El Signo del Gorrión. Así mesmo é autora de obras sobre o ensino das Ciencias.

 

(Texto: Galipedia)