Compañía Luis Seoane
A Compañía Luis Seoane de teatro comezou a súa andaina en 1980 cando un grupo de traballadores do teatro, entre os que se encontraban nomes tan importantes como Francisco Pillado ou Manuel Lourenzo, tomou a decisión de crear un innovador proxecto teatral na cidade da Coruña. Este foi, sen dúbida, un proxecto ambicioso, xa que o mencionado grupo, ademais de constituírse en compañía, tivo tamén a valentía de construír un novo espazo escénico na cidade, a Sala Luis Seoane; e todo isto baixo un réxime de sociedade cooperativa nun país co individualismo enquistado na memoria colectiva, o que facía aínda máis meritoria esta aventura artística.