Virxilio Viéitez

 

Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930 – 2008) foi un fotógrafo galego. Tras marchar aos Pirineos como mecánico, no ano 1955 regresa a Galicia para se establecer profesionalmente como fotógrafo, facéndose coa clientela de toda a Terra de Montes.

A principios dos anos sesenta, cando se impón a obrigatoriedade do carné de identidade, desprázase na súa Lambreta de xeito continuado por toda a comarca para realizar os retratos de carné. Lévao a cabo cunha gran simplicidade de medios, empregando como telón de fondo un simple pano branco, feito delatado por unha rachadura que aparece na marxe da maioría dos retratos. A pesar da rapidez con que foron feitos (normalmente non realizaba máis de unha ou dúas tomas de cada persoa)
teñen un grande interese tanto dende o punto de vista estético como documental, pois acaban converténdose nun exhaustivo retrato colectivo dunha comarca nun determinado momento. Ademais fotografou os diferentes aspectos da vida na bisbarra, como o traballo no agro ou actividades como a matanza, manifestacións sociais como os bailes, os partidos de fútbol ou a chegada dos titiriteiros.

Dedicoulle gran parte do seu tempo á fotografía de vodas, para o que en ocasións se despraza a vilas fóra da Terra de Montes, e mención moi especial merecen as súas fotografías dos velorios e retratos de mortos, que servían moitas veces para resolver cuestións de herdanzas, testemuñando así que esa persoa morrera. A maior parte das veces estas fotos nos permiten profundizar na idea do papel que pode xogar a fotografía como instrumento que fai perdurar a memoria.

Foto: eldiario.es

Texto: Manuel Sendón