Chus Pato
O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Berta Dávila, escritora, gañadora de 2023; Iago Fernández, profesor e crítico; Sira González Rodríguez, bibliotecaria; Carlos Negro Romero, escritor e crítico; Armando Requeixo Cuba, profesor e crítico; Marga Romero Lorenzo, escritora e crítica e Eulalia Agrelo, profesora de Didácticas especiais da UVigo, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Sonora (Xerais) de Chus Pato; Coa man esquerda (Xerais) de Xabier Quiroga; A parte fácil (Xerais) de Ismael Ramos e Enxertos (Apiario) de Dores Tembrás.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Sonora (Xerais) de Chus Pato.
Na súa xustificación, o xurado salientou que Sonora é poesía expandida, mutante, emotiva e intelectual a un tempo, radical nas formas, profundamente suxestiva no contido, coherente cunha traxectoria en que a autora acompaña o devir da poesía galega até o século XXI, dende a intertextualidade e o hibridismo xenérico. Sonora.