Carlos Callón
O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Lorena Gómez Méndez, Servizo de Información e Referencia da Biblioteca Xeral da USC; María del Carmen Parafita Couto, Centro de Lingüística da Universidade de Leiden; Jesús López Romalde, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC; Xabier R. Madriñán, historiador e gañador da edición anterior; Cibrán Santamarina Ríos, Departamento de Física de Partículas da USC, Instituto Galego de Física e Altas Enerxías; Sonia Villapol Salgado, neurocientífica no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist de Houston (Texas) e na Facultade de Medicina da Weill Cornell de Nova York e Inma López Silva, escritora, secretaria, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais) de Daniela Ferrández Pérez; O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais) de Carlos Callón e Maternidades virtuosas. Unha crítica aos moldes profesionais da crianza (Galaxia) de María do Cebreiro Rábade Villar.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a O libro negro da lingua galega de Carlos Callón.
O xurado salientou a capacidade da obra para unir e compilar unha cantidade inxente de documentación, combinando o ton divulgativo coa rigorosidade da investigación. Alén diso, o xurado quere destacar o impacto da investigación nunha actualidade que volve precisar de atención á lingua como espazo de represión nun contexto de digosia que debe ser lembrado e proxectado no futuro.