Roxelio Groba
Roxelio Groba (Guláns,1930) é un músico galego. Na actualidade, é o compositor de música clásica máis prolífico de Galicia con máis de 600 obras: 1 requiem, 14 sinfonías, 19 concertos e 8 microconcertos, 10 cantatas, 8 suites, 2 ballets, obras para coro, música de cámara, piano só, orquestra de cordas, banda sinfónica,… das que moitas de elas aínda non viron a luz.
Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da Banda “A Unión de Guláns” onde comenzou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos da dirección da agrupación.
No entanto estudaba no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. En 1962 trasladouse a Suíza, país no que residiu sete anos e onde dirixiu numerosas agrupacións con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento da súa labor artística.
De volta a España foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal de A Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música de A Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, Harmonía, e Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.
Da súa discografía destacan a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de Cantigas de Mar e Intres boleses, ou as realizadas pola London Symphony Orchestra: Gran Cantata Xacobea (dobre CD), co coro London Voices; o Concerto para violín e orquestra nº 2 “Confidencias”, con Pedro León como solista (as dúas ocasións dirixida polo propio Groba); e o Concerto nº 1 para cello e orquestra “Fauno”, dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista. Tamén cómpre salientar as feitas pola Orquestra de Cámara Galega do Concerto para dous violíns e orquestra “Arcaico” (no que actúan como solistas o seu fillo Rogelio e máis Javier Cedrón), e do Concerto nº 2 para cello e orquestra “Añoranzas” (coa súa filla Clara como solista), así como da suite Intres boleses.