Festival Audiovisual de Cans
O Festival de Cans é un festival de curtametraxes que se celebra desde 2004 na parroquia de Cans, no Porriño, en paralelo ao Festival de Cannes, no mes de maio. O festival naceu pola semellanza entre os dous nomes (se ben, en francés non se pronuncia o -s final de Cannes).
Proxéctanse fundamentalmente curtametraxes galegas e pretende retirarlle todo o cerimonioso que teñen estes certames: as proxeccións non son en cines senón en alpendres,adegas e baixos de casas; en vez de limusinas o “vehículo oficial” son os chimpíns, etc., nun concepto que os seus organizadores denominan “agroglamour”.
Está organizado pola Asociación Cultural Arela e os veciños e veciñas de Cans, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ten dúas seccións principais, unha de ficción e outra de animación. O festival foi ano a ano ampliando as seccións. Dende 2005 existe o “Jalpón Friki”, no que se proxectan curtas extravagantes. Dende 2006 estréanse longametraxes, como Por min e por todos os meus compañeiros de Judas Diz ese ano, e en 2007 Abrígate de Ramón Costafreda, Gritos no corredor de Juanjo Ramírez, e Só concertinas de Víctor Coyote. Tamén en 2007 abriuse unha sección para mostrar e premiar os mellores videoclips galegos.
Polo Festival de Cans teñen pasado, na presentación ou premiados, Teté Delgado, Antonio Durán “Morris”, Julián Hernández, Suso Iglesias, Luis Tosar, Tristán Ulloa, Mabel Rivera,Monti Castiñeiras, Xosé Barato e Emma Suárez, entre outros.
En 2009 recibiu o Premio da Crítica Galicia, na sección Iniciativas culturais. En 2011 a Deputación de Pontevedra concedeulle ao festival o Premio Provincial á Cultura na categoría de Innovación e Vangarda.
(Texto Galipedia)