Vieiros

Vieiros era un portal galego de internet que apareceu o 24 de febreiro de 1996 e pechou o 24 de xullo de 2010. Foi o primeiro sitio privado en empregar a lingua galega na rede.

Na primavera de 1995 comezou o traballo de deseño e preparación e Vieiros, que tomou o nome da desaparecida revista do Padroado da Cultura Galega en México, viu a luz o 24 de febreiro de 1996, data que coincidía co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e da primeira emisión da Radio Galega.

Nun comezo era un índice de recursos de interese para Galicia, o que o converteu no primeiro directorio da rede galega. O directorio de rexistros deu o salto a Buscador en 1997, nacendo deste xeito o primeiro buscador galego.

Nun principio os recursos organizábanse tematicamente e tamén contiña a sección A Galería, na que se daba a coñecer a obra e biografía dos artistas galegos. Ademais realizáronse especiais como o do Día das letras galegas. No Nadal de 1996 comezou a súa andaina a sección informativa semanal Cousas, que en 1997 se converteu na páxina principal e xa con periodicidade diaria e incorpora un motor de busca, que foi o primeiro buscador galego e posteriormente aparecen edicións locais, charlas en liña.

Vieiros foi un elemento clave na historia da comunicación en Galicia por ser fundamentalmente un medio pioneiro en múltiplas iniciativas que logo se habían de espallar a outros medios. Entre elas salientan ser o primeiro directorio da rede galega, ser o primeiro buscador galego e realizar o primeiro estudo en profundidade en liña dunhas eleccións galegas.

(Texto: Galipedia