Museo do Pobo GalegoO Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes obxectivos. As primeiras salas inauguráronse en 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia, entendendo que o Museo do Pobo Galego pode ser considerado como cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia, recoñeceulle polo Decreto 111/1993 de 22 de maio a competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicos e privados integrados no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.

O sostemento do Museo está garantido polas achegas económicas e materiais (doazóns e depósitos) dos seus patróns e socios, e polo patrocinio de diversas institucións públicas e privadas.