P1020241

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Xulio Amigo Estrada, editor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo Costa, presidenta de ELOS, profesora; Carlos Callón Torres, profesor e escritor; Berta Dávila Fernández, mestra e escritora; Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, Celia Torres Bouzas, editora e Blanca Roig, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas Di(n)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ciclo de Poetas Di(n)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do Mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”. O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.