Antón Corral

Antón Corral (A Coruña, 1936) é un artesán de instrumentos musicais galegos, gaiteiro e mestre de gaiteiros.

Antón entrou en contacto coa música no colexio tocando a bandurra e interesouse polos instrumentos tradicionais a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os amigos de Lugo. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar. Logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos de Lugo e Os montes de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores.

Deixou de traballar como axente comercial por problemas de saúde e, animado polo veterano gaiteiro cuntiense coñecido como O Patelas, comezou o seu labor como artesán en 1974 en Lugo. En 1979 pasou a Ortigueira chamado pola Escola de Gaitas. Debido á falta de apoios económicos trasladouse novamente a Lugo, onde tentou formar un equipo con antigos alumnos como Carracedo, Ramón Casal, e o seu fillo Carlos Corral. Alí formaron un taller de artesáns chamado Soutelo de Montes, xa que a intención de formar unha cooperativa non prosperou. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro de instrumentos da Universidade Popular de Vigo até 2000, ano en que se retirou.

Antón Corral interesouse por perfeccionar a gaita, traballando especialmente no timbre e na afinación do punteiro e experimentando con novas tonalidades.

 

Texto: Galipedia

Foto: Faro de Vigo