O xurado da XLVIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por  Juan Durán Alonso, compositor, membro da RAGBA; Xoán Manuel Estévez Freixeiro, crítico musical, membro da Asociación Cultural Pertenza; Andrea González Pérez, pianista, catedrática de produción e xestión no CSM de Vigo ; Lois Pérez Díaz, escritor e músico; Tanxugueiras, cantoras, gañadoras de 2023; Noel Turbulencias, director de «Turbulencias» de CUAC FM e Alejo Amoedo Portela, pianista, membro do CCG e da RAGBA, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: Ernie Records, Fillas de Casandra, Grande Amore e Orquestra Vigo 430.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Orquestra Vigo 430, recollendo o premio Javier Escobar e María Alonso.

O xurado salientou a consolidada traxectoria de preto de 20 anos de actividade musical en toda Galicia, a través dunha programación estable contribuíndo á proxección de centos de músicos galegos, creando unha canteira única en Galicia, así como visibilizando a estrea de novas obras de compositores galegos, como na tempada 2023-2024. Asemade, esta orquestra fomenta a paridade na súa actividade, facendo ademais un labor pedagóxico na formación de públicos.