Miguel Anxo Murado
Nado en Lugo en 1965, é escritor, guionista de cinema e televisión. A súa aparición no mundo literario tivo lugar con Metamorfosis benezianas (1983), novela en castelán coa que gañou ós 17 anos o Premio Café Gijón. En galego é autor dunha variada obra que inclúe narrativa (Memoria de derribos,Mércores de cinza), poesía (Lapidario dos heterodoxos, Bestiario dos descontentos) e teatro (A grande noite de Fiz, Historias peregrinas). En 1991 e 1994 viaxou á exIugoslavia como enviado especial, experiencia da que naceu Ruído. Relatos de guerra. En 2001 publicou o ensaio Caderno de Xapón.
En paralelo co seu traballo literario, Murado desenvolveu durante anos un labor de guionista, polo que obtivo en tres ocasións o Premio Carlos Velo para guionistas da Xunta de Galicia. Seus son os guións de películas do cinema español como La Ley de la Frontera ou Finisterre. En televisión, escribiu e realizou unha ducia de documentais sobre Xeografía, Literatura e Política, e colaborou en varias series.
Murado desenvolveu unha actividade intermitente no campo do xornalismo. É columnista habitual en diversos medios. Residiu varios anos en Oriente Medio, onde traballou sucesivamente para as Nacións Unidas, o Goberno da Autoridade Palestina e como correspondente de prensa.
(Texto e foto: Editorial Galaxia)