Ano da Música de Pontevedra
“Pontevedra 2004: Ano da Música” premio da Crítica Galicia 2005.
Hoxe, 28 de maio de 2005, celebrouse no auditorio da Obra Social Caixanova en Vigo, a entrega de galardóns da XXVIII edición dos Premios da Crítica Galicia. No apartado que máis de cerca nos toca, a música, resultou gañadora a iniciativa do Concello de Pontevedra “Pontevedra 2004: Ano da Música” que, durante todo o ano pasado, converteu á cidade do Lérez no centro músico cultural galego.
A idea desa celebración xurdiu do centenario da gravación, na Coruña, do primeiro disco galego que inmortalizou ao coro pontevedrés “Aires da Terra” creado e dirixido polo boticario gaiteiro Don Perfecto Feijoo Poncet. Esta centenaria impresión sonora fica depositada no Museo de Pontevedra en discos de pedra que foron reproducidos, saneados, filtrados e reeditados nun CD co patrocinio do concello. Neste disco, ademais dos cantos do primeiro coro galego e o vozarrón de Mercadillo, podemos oír a gaita de Don Perfecto e o tamboril de Tilve o que ten, especialmente para os gaiteiros, un valor incalculable xa que debe ser, tamén, o primeiro rexistro sonoro coñecido de unha gaita galega.
Pero o ano da música de Pontevedra deu para moito máis que iso: concertos, conferencias, edición de máis discos compactos de outras disciplinas musicais coma o Jazz, outras reedicións corais como as da Sociedade Polifónica de Pontevedra, exposicións como a súper visitada de Instrumentos Tradicionais Galegos de Pablo Carpintero, e un largo etcétera que deixou un pouso denso e un ambiente musical que ten visos de continuidade, como estamos a descubrir neste ano 2005.
O xurado, no que participei como secretario en calidade de membro da Asociación de Gaiteiros Galegos, decidiu, por unanimidade, recoñecer esta iniciativa coma o feito máis importante para a música galega do ano 2004.
A ver se se espalla o exemplo e temos máis anos da música en outros concellos.
(Texto: José J. presedo)